Fraga atacábao por “multimillonario”

Paz-Andrade reivindica para si a recuperación da denominación Xunta de Galicia para o organismo que máis adiante se había formar previo á redacción do Estatuto e que tamén se decidiu na Comisión dos Dez. “”Pensei en Reino de Galicia, que tiña antigüidade desde os suevos, pero supuxen que ía haber moita oposición e optei pola denominación que defenderon Solís e os outros Mártires de Carral cando o levantamento de 1846”.

Nunha entrevista en EL PAÍS en 1977, cando a Comisión apuraba as negociacións sobre as nacionalidades, explicaba por que cataláns e vascos ían un paso por diante. “Galicia foi a máis castigada, a máis debilitada, a que viviu repartida entre o chan natal e outros países. Así perdeu a concentración de enerxías que, en troques, permitiron a Cataluña e o País Vasco producir os seus estados de rebeldía. Ademais das apetencias autonómicas comúns, Galicia ten unha conta de agravios moi copiosa fronte ao Estado español. Aínda que o centralismo someteu aquelas nacionalidades, non as empobreceu. A Galicia empobreceuna e fixo crónico o fenómeno da emigración”.

A determinación de Paz-Andrade por actuar desde o xornalismo, o ensaio económico e a promoción empresarial vírase frustrada na política. En 1931 o roubo das actas en Lalín impediu que fose con Castelao ás constituíntes; no 33, as forzas de Lerroux e Gil Robles arrasaron a representación nacionalista e finalmente en 1936, incluído nas listas de centro de Portela Valladares, non saíu electo. Atravesou a ditadura sen renunciar ás súas conviccións democráticas e tivo que ser nunha Candidatura Democrática Galega unitaria cando por fin en 1977 exerceu dous anos como senador. Esa representatividade amolaba a un Manuel Fraga que se refería a Paz-Andrade e a Pujol cun descualificador “eses son multimillonarios”. Paz-Andrade retrucou con dureza: “É evidente que se do seu voto dependera eu nunca podería estar desempeñando un mandato democrático. Quen só desempeñou cargos políticos conferidos a dedo, ¿que títulos ten para poñer en cuestión a lexitimidade das representacións que confiados aos demais? Un proceso que o movedizo vilalbés cando foi ministro de segunda fornada fixo canto puido para retardar. Con tantas enerxías físicas, financeiras e mentais é lamentábel que o noso paisano as consuma na estéril tarefa de erguer cadáveres políticos. Por de pronto, o franquismo, sistema que pretende converter en manancial que non cesa. Do manancial aproveitouse en vida do macroditador canto puido, como ninguén esquecería (...)”.

El País 20-1-2012

© Xan Carballa