Violeta Janeiro Alfageme é a protagonista do cartel ‘Fálalle galego’. Quen a tiña no colo era Piloncha, unha psicóloga do colexio Daniel Castelao de Vigo. Cando fixemos esta reportaxe Violeta traballaba en Shangai e contounos con pers- pectiva as súas reflexións sobre aquel cartel e a utilidade do galego na súa vida profesional internacional.

Que ten reflexionado sobre aquel cartel que protagonizaba, como foi a súa experiencia co galego?

Non fun nada consciente do que supoñía esa campaña até xa ben medrada. Tiñamos os carteis pendurados no corredor da casa, onde se tomara a fotografía, polo que crecín ao carón del e doutros tantos. Decateime da repercusión que supuxo aquela campaña cando amigas miñas, da escola Rosalía de Castro, dixéranme que o tiñan posto na clase. E daquela teríamos xa uns 16 anos! Esta reflexión que me pides que faga, fixéraa eu con anterioridade, porque nin a señora que me colle en brazos é a miña nai, nin a miña nai faloume nunca en galego. Na casa, por contraditorio que pareza, sempre se falou a lingua dos meus pais: o castelán. O meu pai é de Madrid, e a familia da miña nai ten orixes asturianas e catalás. Así que case podo asegurar que o primeiro contacto que tiveron eles co galego foi cando xa estaban a chegar aos trinta anos.

A miña nai sempre me dixo a que a ela gustaríalle ter protagonizado esa campaña comigo, e a min ser fotografada nos seus brazos.

E como chegou ao galego?

Non son un bo exemplo de transmisión de pais a fillos. O galego que escoitei na casa era o do ámbito profesional do meu pai, que xa por aquela dominábao, ou o dos faladoiros cos seus amigos. Ese exemplo, máis o de escoitar a miña avoa expresarse en catalán coas súas irmás, deume a entender que un debía falar a lingua do lugar. Mesmo o meu pai se sorprendía de onde aprendera eu a falalo, porque cando estaba na escola non se facía tanto uso do galego como se fai agora. Así que o galego que falo non o mamei na casa, aprendino na escola, na rúa, escoitando os amigos dos meus pais e coa TVG. A ningún de nós, nin pai, nin nai, nin meu irmán e eu tampouco nos ensinaron os nosos proxenitores, pero todos falamos sen problemas en galego.

E foille útil laboralmente?
O meu primeiro traballo remunerado como Historiadora da Arte foi de educadora na Bienal de Arte de Venecia, e un dos puntos fortes polos que me contrataron foi definitivamente grazas o galego. Podíame comunicar perfectamente con portugueses e brasileiros, ademais de cos anglosaxóns e francófonos. Xente capaz de falar inglés, francés e castelán, hainos a milleiros, pero non tantos falan galego. Grazas á miña facilidade para entenderme en linguas romances, aprendín o italiano moi rápido, e cantas máis linguas dominas máis doado é aprender unha nova, aínda por riba se esta é de orixe latina. Agora vivo en Shanghai, estou aprendendo o chinés, e sufro para aprendelo. Aquí traballo no terreo da cooperación e promoción da cultura española, e pertencer a unha comunidade cunha forte identidade, axúdame a ter unha perspectiva máis ampla do mundo.


Un cartel a tres mans: Casares, Janeiro e Mantecón


“Unha das últimas tardes do outono de 1983 acudín a unha cita con Carlos Casares en compañía de Paco Mantecón. Convidábanos a participar nunha campaña de normalización lingüística para a que el se comprometía a acadar os medios. Tiña un eslógan, Fálalle galego, e estaba ilusionado. Pensaba nunha nai falando co fillo no colo, imaxinaba a postura dos beizos da muller, a súa mirada. Ou quizais podería ser unha muller embarazada dirixíndose ao seu seno. Onde?

O campo aberto, un fondo de mar, ou unha casa de cidade ou de aldea? Pasamos a tarde entusiasmados, quitándonos uns aos outros a palabra, imaxinando mulleres, cores e paisaxes. Faríamos carteis, adesivos, ao mellor incluso valados publicitarios que salferirían as cidades e as estradas de Galicia e farían competencia ás de El Corte Inglés. (...) A nena que sae nesa campaña e que mira a unha muller loira que lle fala é a miña filla Violeta, que agora ten vinte-

ún anos. O fotógrafo que está ao outro lado da ventá iluminada, sobrecargada de luces amarelas, son eu. (...) Estará mal que eu o diga, pero coido que a campaña foi un éxito, foi quizais a primeira campaña reivindicativa amábel naqueles tempos desabridos, onde todos dicíamos tantas veces Esiximos!” G


Extracto do artigo de Manuel Janeiro no libro   (Edicións A Nosa TerraFundación Carlos Casares)



Paz Lamela, cando o PP apoiaba o galego

Foi a primeira directora xeral de Política Lingüística

e asinou o manifesto da asociación  Prolingua, crítica co decreto do PP


Lonxe quedan os tempos do cartel ‘Fálalle galego’, protagonista dunha extensa campaña realizada pola Xunta en 1984, cando era presidente o popular Xerardo Fernández Albor e Paz Lamela Vilariño primeira directa de Política L
ingüística.

Paz Lamela foi inspectora de educación. Non militou no PP, pero foi a primeira Directora de Política Lingüística da Autonomía (1983-1986) e en 1990 directora xeral de Cultura no primeiro goberno Fraga. Baixo a súa iniciativa fíxose a campaña ‘Fálalle galego’. A piques de se xubilar amósase crítica cos cambios no decreto do galego no ensino “asinei o manifesto de Prolingua e coñezo ben a situación do galego. Tamén porque estiven nos anos en que se prepararon as primeiras programacións didácticas, cando se aprobou a Lei de Normalización e fomos introducindo materias máis alá de Lingua e Literatura. A min non me gustaba moito o anterior decreto, porque a redacción que tiña abría a posibilidade de dalo todo en galego, e non por non estar eu dacordo, senón porque sei que podía ser fonte de conflito. A lingua que hai que potenciar é o galego porque é a que está máis débil. Na zona da Estrada, onde estiven como inspectora moitos anos, a porcentaxe de galego era moi alta e nunca houbo problemas, pero as cidades non están galeguizadas. A consulta aos pais está fora de lugar porque a lei xa determina que hai que ir introducindo a lingua que esté menos implantada nos tres anos de educación infantil. E a lingua materna teñen que observala os consellos de dirección en colaboración cos titores, non son os pais”.

Paz Lamela tamén entende que este é un problema importado, “a Feixóo pasoulle o que a Zapatero en 2004, non esperaba gañar as eleccións. Fixo promesas a esas persoas que se din bilingües, que só falan castelán, que realmente son monolingües. Agora quero crer que está mareando a perdiz, porque o dos terzos é absurdo pois non hai nin profesorado nin cartos. O decreto ten que saír, pero os que estamos relacionados co galego no ensino non damos entendido que raio se quere facer nin que vai saír de aí”.

A Nosa Terra nº 1401  - 8 de abril de 2010

 

Violeta Janeiro era a miniña no colo da nai do cartaz ‘Fálalle galego’. Nesta foto superior aparece nunha imaxe recente co seu sobriño Mateo no colo.