Anibal Otero, o filólogo labrego





O episodio vivido na fronteira por Anibal Otero podería dar para unha película de humor pero rematou en drama. Confundir as transcripcións fonéticas con código cifrado e ser considerado traidor e condenado a morte, semella un invento dos Monty Pithon, pero foi real. Os colegas do ALPI en 1939 dicían nas súas cartas “Otero parece que murió”. O certo é que se salvou porque houbo quen correu a testemuñar ao seu favor, como Xesús Carro, o crego que tamén contribuiu a rescatar da total destrución os fondos do Seminario de Estudos Galegos, ou o propio Menéndez Pidal que terciou ante o rector de Santiago en 1937 e maxistrado do Supremo, Felipe Gil Casares.

O propio Anibal Otero contáballo desde o cárcere ao seu amigo Francesc B. De Moll, “ingresei en prisión o 5 de agosto de 1936, acusado de espionaxe (o alfabeto fonético era unha clave; os cartos do centro, ouro ruso). En febreiro pasei a Vigo para consello de guerra; a petición fiscal foi pena de morte. Pechado na cela dos condenados breves horas, comprobei que Víctor Hugo en O derradeiro día dun reo de morte non soubo interpretar as magníficas sensacións de beleza da vida que neses momentos experimenta un, nin os pensamentos que acenden o ánimo; sinto o maior desprezo por Hugo e o romanticismo e escribirei no seu día, e en galego, as páxinas que Hugo non soubo escribir en francés”. Esa intención cumpriuse coa súa novela Esmoriz recuperada en 1994 por Sotelo Blanco.

Pero á saída do cárcere xa nada volveu ser igual. Precisado de buscarse a vida, Otero volveu ás terras onde naceu, en Barcia (Meira), a cultivar a terra e aínda que se ocupou ocasionalmente do ALPI cando se quixo retomar o estudo completando as truncadas entrevistas en Portugal, a miseria da vida de posguerra impúxose. Son numerosas as misivas súas que se inclúen no volume publicado pola Universitat de Valéncia, e por elas, e polas acotacións dos compiladores, comprendemos tanto a capacidade técnica de Otero como as enormes dificultades persoais que viviu, acosado polas dificultades económicas ou pola enfermidade do seu fillo Horocel.

Para o ano 2011, que se cumpre o seu centenario, poderá saír un retrato completo da súa traxectoria. Os materiais filolóxicos e fonéticos da Galiza dos anos 30 que el tiña están depositados no Instituto da Lingua Galega e entre os que se teñen ocupado intensamente da súa figura está o académico Xesús Alonso Montero que, en 2009, publicou unha achega clave –accesíbel en internet– para coñecer a traxectoria de posguerra de Anibal Otero.

Por Alonso Montero coñecemos o proceso polo que foi proposto e admitido como numerario da Real Academia Galega e como, finalmente, non puido ser, apesar dos múltiples apoios dos que querían velo na cadeira vacante pola morte de Gonzalo López Abente. Propuxérano Sebastián MartínezRisco, Antonio Fraguas e Xesús Carro, aceitouno o pleno pero Anibal Otero non tomou posesión ao non realizar o indispensábel discurso de entrada. Os porqués desta renuncia ou os avatares tamén frustrados para que fixese a historia do galego na Historia de Galicia dirixida por Otero Pedrayo, son algunhas das investigacións de Alonso Montero, que tamén ten previsto unha edición sobre a lingüística española no exilio, tomando as figuras de Navarro Tomás, para o exilio exterior, e Anibal Otero para o interior.

A Nosa Terra.  nº 1397  - 11 de maio de 2010

 

Familia de A. Otero. A dona, Asunción Álvarez, e o fillo, Horocel, na casa de Barcia, lugar de residencia do filólogo lucense.

© AFAO

O 17 de abril de 1962 tivo lugar esta comida no restaurante "El Comodoro" de Madrid, onde se lle fixo entrega do primeiro volume do ALPI a Don Ramón. Na fotografía conmemorativa aparecen sentados [de esquerda a dereita] A. Otero, R. Menéndez Pidal e R. de Balbín; de pé: unha persoa non identificada, L.F. Lindley Cintra, L. Rodríguez-Castellano e M. Sanchis Guarner.

© AFAO